O pontevedrés Álex Andión, deportista formado na canteira do Club Waterpolo Pontevedra, segue a conseguir éxitos a nivel nacional.
Se no pasado xa foi o primeiro galego en gañar un título iunternacional como a LEN Eurocap co CN Sabadell, ademais de ser subcampión da Copa do Rei, a Supercopa de España e terceiro na liga española de División de Honra, agora Andión logrou un novo éxito nunha competición continental.
Fíxoo co que é esta campaña o seu equipo, o Club Waterpolo Tenerife Echeyde, co que ademais logrou a permanencia na máxima categoría.
Coa entidade canaria, Andión participou na fase final da Waterpolo Nordic League, un evento con sede en Estocolmo no que tomaron parte 22 equipos de 14 países diferentes (Alemaña, Bélxica, Dinamarca, Eslovaquia, España, Finlandia, Irlanda, Lituania, Malta, Republica Checa, Reino Unido, Rumania, Suecia e Ucraína).
Tras un gran torneo o Tenerife Echeyde impúxose na final ao lituano EVK Zaibas por 12 a 9. Dous deses goles foron dun Álex Andión que foi nomeado mellor xogador (MVP) da final.
Este éxito foi moi celebrado polo equipo no que empezou todo, o Club Waterpolo Pontevedra, e que segue moi pendente das súas evolucións na elite nacional.