As promesas do deporte galego comezan un novo curso no CGTD

Pontevedra
17 de setembro 2018

Un cento de rapaces de toda Galicia, todos eles deportistas de doce disciplinas diferentes, comezaron un novo curso no CGTD. Arrancou coa novidade do incremento de bolseiros e prazas de residencia e co anuncio de novos investimentos en material e infraestruturas

Inicio de curso no Centro Galego de Tecnificación Deportiva Mónica Patxot

Un cento de rapaces de toda Galicia, todos eles deportistas de doce disciplinas diferentes, comezaron un novo curso no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Baixo a atenta mirada da secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, o curso arrancou coa novidade do incremento de bolseiros e prazas de residencia e co anuncio de novos investimentos en material e infraestruturas.

A Xunta investirá este ano 1.755.437 euros nos bolseiros do CGTD, deportistas que adestran para converterse en referentes en atletismo, bádminton, judo, karate, loita, natación, piragüismo, remo, taekwondo, tríatlon, vela e ximnasia.

Marta Míguez animou aos deportistas presentes no inicio do curso, avanzando que desde o goberno galego "poremos os medios necesarios á vosa disposición para que consigades grandes éxitos dos que Galicia será partícipe e beneficiaria".

Desde a Secretaría Xeral para o Deporte, engadiu, ven o CGDT de Pontevedra como "unha das nosas mellores ferramentas" para avanzar na calidade do deporte galego.

No último ano, ademais dos cartos correspondentes ás bolsas dos deportistas, a Xunta investiu máis de 444.000 euros en equipamento, renovación das infraestruturas e diferentes melloras en accesibilidade e no material que está a disposición dos mozos e mozas que adestran alí.