A 'Marea Granate' segue a engordar camiño ao partido do próximo domingo 14 de abril no Estadio Vero Boquete San Lázaro de Santiago de Compostela.
O desprazamento de seguidores do Pontevedra Club de Fútbol vai camiño de converterse nun dos máis importante das últimas tempadas, aínda que a cifra final será difícil de medir ata o propio día do partido ante a Sociedade Deportiva Compostela.
Por unha banda o club granate confirmou que á primeira hora do xoves despachara xa 258 entradas nas súas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón, estando a só dúas prazas de completar o segundo autocar.
A esta cantidade se seguidores xa confirmados únense os que adquiriron os billetes directamente na plataforma virtual habilitada polo Compostela, e que teñen a intención de desprazarse ata a capital galega en transporte público ou polos seus propios medios.
As entradas para o encontro fronte ao Compostela teñen un custo de 15 euros para o público adulto no sector reservado para afeccionados granates, mentres que os menores de entre 3 e 16 anos deberán pagar 5 euros.