Elxe, sede da fase final do Marín Futsal polo ascenso a Primeira

Marín
09 de xuño 2021

O cadro marinense terá unha dobre oportunidade de lograr un histórico ascenso á máxima categoría do fútbol sala feminino nacional. A primeira será o vindeiro sábado 12 de xuño en Elxe

Marta Gago no partido polo ascenso a Primeira Nacional entre Valdetires e Marín Futsal Raúl Lomba / Ferrol360

O Marín Futsal está a só 40 minutos de lograr un histórico ascenso á máxima categoría do fútbol sala feminino nacional, e o mellor de todo é que tras o seu triunfo na fase rexional terá unha dobre oportunidade para logralo.

As marinenses, tras o seu triunfo da fin de semana na pista do Valdetires de Ferrol, estaban pendentes do lugar escollido pola Real Federación Española de Fútbol para a fase final, e ese lugar será finalmente a localidade alacantina de Elxe.

O rival do Marín Futsal será ademais o anfitrión, o Joventut D'Elx, nunha semifinal que se disputará o vindeiro sábado 12 de xuño ás 18.30 horas. Antes, ás 16.00 horas, enfrontaranse o Colmenarejo e o Atlético Torcal.

Os vencedores de ambos os dous encontros ascenderán directamente a Primeira División, mentres que os derrotados terán unha segunda bala medíndose na fase de promoción a Penya Esplugues ou Viaxes Amarelle, xa que os gañadores desta segunda eliminatoria tamén lograrán o salto de categoría.