A Gladiator Race anuncia "novidades" para a súa décima edición en Pontevedra

Pontevedra
27 de decembro 2024

A popular proba deportiva xa abriu inscricións para a edición que celebrará os días 24 e 25 de maio de 2025 na Illa das Esculturas

Novena edición da Gladiator Race PontevedraViva

Despois de superar este ano a súa edición máis complicada, debido a un incendio os días previos que calcinou boa parte do material destinado á súa montaxe, a Gladiator Race xa pensa no seu décimo aniversario en Pontevedra.

A popular proba deportiva anunciou a apertura de inscricións para a súa próxima edición.

Celebrarase os días 24 e 25 de maio no lugar habitual, a Illa das Esculturas.

Alí instalaranse os obstáculos e un percorrido para pór a proba aos valentes participantes, obrigándolles a superar probas onde a auga ou o barro serán protagonistas.

A organización da Gladiator Race avanza ademais que será unha edición, con motivo do seu décimo aniversario, "cargada de novidades".

Unha delas será que o evento contará cunha única distancia de ao redor de 8 quilómetros e 40 obtáculos a superar.

Esta distancia, para o público adulto tanto en categoría elite (puntuable para a OCRA Galicia) como Open, é a que se completará ao longo do sábado 24 de maio con 1.800 prazas dispoñibles e saídas en diferentes quendas de até 120 deportistas cada unha.

Pola súa banda o domingo 25 quedará reservado para a Gladiator Kids, proba infantil cun percorrido de 500 e 800 metros adaptado en función da idade.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora