Manuel Parada e Nuria Senra, vencedores do Open Galicia de BTT en Poio

Poio
10 de abril 2017

Máis de 150 bikers participaron na competición celebrada o pasado sábado en Samieira, na que supoñía a segunda cita puntuable do Open de Galicia de Cross Country Olímpico (XCO)

Entrega de trofeos do Open Galicia de XCO celebrado en Samieira Federación Galega de Ciclismo

A segunda proba da tempada do Open de Galicia de Cros Country Olímpico (XCO) reuniu en Samieira máis de 150 bikers nunha lucida xornada deportiva.

Manuel Parada e Nuria Senra foron os grandes vencedores da xornada, logrando situarse como líderes da clasificación xeral.

Nun esixente e técnico circuíto, Senra (Eskornabois) non tivo rival na categoría feminina aproveitando a ausencia de Lucía Vázquez, vencedora da primeira proba do campionato, e cun tempo de 1 hora, 20 minutos e 8 segundos superou en máis de seis minutos á segunda clasificada, Xiana Conde (Academia Postal - Actyon). O podio da categoría Elite feminina completouno Zaida González (Cidade de Lugo - Esturión).

Pola súa banda Manuel Parada (Barbanzabike) detivo o reloxo en 1:29:54, con case tres minutos de vantaxe sobre Darío Otero (Compostelano), que á súa vez dobregou por oito segundos de diferenza a Jorge Punzón (Fundación Óscar Pereiro) na loita pola segunda posición.

Tras a proba organizada polo Club Ciclismo Tríatlon Poio a seguinte parada do Open de Galicia de XCO terá lugar o 22 de abril na localidade coruñesa de Arteixo.