Marín corre ao ritmo da Carreira Carmiña

Marín
14 de xuño 2026

A popular carreira marinense bateu todas as marcas de participación na súa quinta edición. Máis de 900 persoas fixeron fronte ás altas temperaturas nunha exitosa xornada deportiva

V Carreira Carmiña celebrada en Marín Concello de Marín

Éxito rotundo na celebración dunha Carreira Carmiña que fai historia ao converterse na edición máis numerosa até o momento con case un milleiro de corredores nesta quinta entrega.

E é que nada parou os pés ás máis de 900 persoas que gozaron este domingo do mellor deporte nunha contorna privilexiada como é o litoral da localidade marinense.

Nin sequera as altas temperaturas da fin de semana puideron co ánimo e a enerxía de todas as persoas participantes.

Arrincou a xornada ás 10:00 da mañá coa saída da proba reina desde a Praia de Lapamán. Os corredores fixeron fronte a un percorrido de 10,6 quilómetros que atravesou asfalto e tamén area polas praias da costa até chegar á meta no Paseo Alcalde Blanco.

O máis rápido en facelo foi Yago González (00:40:27) seguido de Jorge Puig (00:43:49) e de Francisco López (00:43:50) na categoría xeral.

V Carreira Carmiña celebrada en MarínConcello de Marín

Doutra banda, Noelia Nogueira marcou o seu ritmo na categoría feminina (00:57:01) para imporse á segunda clasificada, Ainhoa López (00:57:13) e á terceira en cruzar a meta, Yuliia Bokhinska (00:57:56).

Media hora máis tarde comezou a versión reducida de 5,4 quilómetros desde o Náutico de Aguete e pecharon a programación as categorías Sub-10 até Sub-16 con saída e meta no Paseo Alcalde Blanco.

O verdadeiro éxito desta V Carreira Carmiña vai máis aló dos resultados deportivos xa que o máis importante da xornada foi, sen dúbida, a ilusión e a implicación dos case mil corredores que xa forman parte da historia desta carreira popular.