O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (CGTD) será escenario o vindeiro domingo 9 de novembro da XII Milla Solidaria 'Movete pola diabetes', organizada pola Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia (Anedia) coa colaboración do Club Atletismo Rías Baixas e o Concello de Pontevedra.
"Corremos para que todo o mundo se conciencie da importancia dos hábitos de vida saudables", referendou este martes na presentación do evento a concelleira de Deportes, Anabel Gulías.
Todo para "tentar dar visibilidade a unha realidade que cada vez afecta a máis persoas", aseguran.
Por iso fan seu a lema internacional deste ano, 'Vivir con diabetes', incidindo en aspectos do día a día como os estudos e o traballo pero tamén no deporte.
No que respecta á Milla Solidaria "é unha proba 90% popular", destacou o máximo responsable do Atletismo Rías Baixas, Gonzalo Méndez, acompañado da presidenta de Anedia, María José Rego.
Serán ao redor de 300 os deportistas participantes nesta ocasión.
A actividade arrincará ás 10.30 horas da mañá coas millas populares feminina e masculina para continuar coas probas federadas (11.30 horas) e continuar despois coas categorías de menores de idade.
Ademais como novidade "este ano propuxemos a idea de facer un 100 metros popular", explicou Gonzalo Méndez.