Montero Ríos volverá ser fervedoiro vermello para ver o España-Bélxica

Pontevedra
10 de xullo 2026

A Deputación de Pontevedra volve instalar esta noite unha pantalla xigante diante do Pazo provincial para que os afeccionados sigan o partido do Mundial

Xente vendo o partido do Mundial en Montero Ríos

A Deputación de Pontevedra instalará este venres dúas pantallas xigantes para seguir en directo o partido de cuartos de final do Mundial de fútbol entre as seleccións de España e Bélxica, que comeza ás 21:00 horas.

Segundo informou o presidente da institución provincial, Luis López, os dispositivos situaranse na praza da Estrela de Vigo e diante do Pazo Provincial, na capital da provincia, na avenida de Montero Ríos, co obxectivo de repetir a experiencia de mobilización cidadá vivida durante a final da Eurocopa 2024 e repetindo o partido da eliminatoria contra Portugal.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou un incremento de 150.000 euros na liña de axudas destinada a financiar bens e servizos en campionatos e eventos deportivos.

Con esta modificación, o orzamento total para este fin pasa dos 220.000 euros iniciais a un importe de 370.000 euros.

O aumento de crédito efectúase tras esgotarse a partida inicial en pleno mes de xullo, a falta de cinco meses para que finalice o prazo de presentación o vindeiro 30 de novembro.

Ata o momento, a Deputación recibiu 271 solicitudes, das cales 248 foron resoltas de maneira favorable.

Estas achegas económicas teñen un límite máximo de 1.000 euros por beneficiario e están destinadas a sufragar gastos operativos das entidades organizadoras, tales como a adquisición de trofeos e medallas, ou a contratación de servizos de cronometraxe e ambulancias para as competicións da provincia.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora