Natalia Moreira, bronce no Mundial júnior e sub-23 de piragüismo sprint

Pontevedra
04 de xullo 2026

A deportista da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra subiu ao terceiro caixón do podio na proba de K4 500 metros sub-23 feminino. O Mundial está a disputarse en Canadá

Natalia Moreira coas súas compañeiras do K4 500 metros sub-23 Darren Calabrese - Real Federación Española de Piragüismo

O piragüismo galego volveu brillar con forza nunha competición internacional e, como sempre, cun marcado protagonismo dos padeeiros pontevedreses.

Foi no Mundial júnior e Sub-23 sprint que se está disputando Halifax (Canadá).

Unha das laureadas foi Natalia Moreira, deportista da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, que colgou a medalla de bronce.

Logrouno na proba de K4 500 metros sub-23 feminino, acompañada de Yaiza Novo, Uxía Rodríguez e Carla Corral.

A embarcación española, que mantivo o ritmo de cabeza toda a proba, terminou terceira con 1:37.93. Eslovaquia impúxose con 1:35.81 e Hungría foi segunda con 1:36.12.

A esta medalla sumouse o bronce de Manuel Pousa (Club de Mar Ría de Aldán) en K1 200 metros sub 23 ou o bronce do K4 500 metros júnior con Diego Feijoo (Club Kaiak Tudense) e Martín González (Club de Mar Ría de Aldán) entre os seus tripulantes.

O resultado máis destacado para os galegos foi no C4 500 metros júnior masculino.

España logrou a prata cunha embarcación con Antón Lagares (Club Ría de Betanzos), Alejandro Pérez (Club Fluvial de Lugo), Javier Cid (Club Ría de Betanzos) e Alberto Ruiz.

O barco español pelexou a vitoria até os últimos metros e terminou segundo cun tempo de 1:41.86, a só 14 centésimas de Brasil, que levou o ouro con 1:41.72.

Moi preto do podio quedou Claudia Couto (Club Kaiak Tudense) no C2 500 metros sub-23 feminino, que foi cuarta xunto á súa compañeira Elena Millán.

Cuartos foron tamén Raúl Fernández e Pedro Torrado, ambos do Club de Piragüismo As Torres Romaría Viquinga, integrantes do C4 500 metros sub 23 masculino.

Entre os pontevedreses destacaron ademas Iris Corredoira (Club Náutico de Cobres) e Lorena Pérez (Club Piragüismo Verducido), sextas no K4 500 metros júnior, igual que Silvia Gago (Club Náutico O Muíño de Ribadumia) no C2 500 metros júnior.