O Cisne, a romper a súa mala serie en Valladolid nunha intensa fin de semana deportiva en Pontevedra

Pontevedra
18 de novembro 2022

O Marín Futsal recibe este sábado ao líder Futsi Atlético Navalcarnero na Raña, pavillón ao que terá que desprazarse o Arxil pola falta de dispoñibilidade das canchas pontevedresas para recibir ao Aridane. O Poio Pescamar viaxa a terras mañas para enfrontarse ao Sala Zaragoza e o Teucro, en busca da regularidade, visita ao Carballal

Partido entre CB Arxil e Barakaldo no CTGD Cristina Saiz

A axenda deportiva para esta fin de semana chega cargada de compromisos importantes para os equipos de Pontevedra e a súa comarca.

En balonmán, o Cisne segue loitando por manterse fóra dos postos de descenso. Unha praga de lesións tirou por terra o bo inicio de competición dos brancos, que este sábado ás 19 horas tratarán de pór fin a unha serie de derrotas que alcanza as cinco xornadas consecutivas. Este sábado mídense a un rival directo como o Valladolid, ao que se achegarían a un só punto en caso de conseguir o triunfo. 

O outro equipo da cidade, o Teucro, visita tamén este sábado ao Carballal a partir das 18 horas. Os azuis seguen buscando a regularidade e enlazar, despois de vencer a pasada semana ao Xiria, un refacho de vitorias que saquen ao equipo da zona baixa da táboa.

Pola súa banda, o Arxil terá que facer as maletas este sábado a pesar de xogar como local. A falta de dispoñibilidade da cancha do CGTD obriga ás verdes a desprazarse ao pavillón marinense da Raña para recibir, ás 21 horas deste sábado, ao Aridane.

O fútbol sala centra tamén a actualidade deportiva da fin de semana. O Marín Futsal recibirá en casa ás 17 horas ao equipo que comparte o liderado co Burela, o Futsi Atlético Navalcarnero coa esperanza de dar a sorpresa e, de paso, facerlle un favor ás súas veciñas de Poio.

O Poio Pescamar viaxa á capital maña para medirse ás 18.30 horas ao Sala Zaragoza, un equipo da zona baixa da clasificación. Os tres puntos serán de valiosa importancia para manter a persecución dos dous líderes e seguir demostrando que este ano o Poio aspira a todo. 

A xornada complétase o domingo cunha xornada da Superdivisión masculina de Tenis de Mesa na que o conxunto de Monte Porreiro recibe ao O Collado. Tamén o Bádminton Ravachol disputa como local o seu partido da máxima categoría nacional. 

En fútbol, o Pontevedra recibe o sábado ás 19 horas ao Fuenlabrada, mentres que en 3ª RFEF o Arousa exercerá como local fronte á Gran Peña.