A Federación Española de Tríatlon confirmou este luns as modificacións que levarán a cabo no calendario do ITU Multisport Festival de Pontevedra por mor da coincidencia de datas coa convocatoria de eleccións xerais.
A organización, en coordinación co Concello e as federacións española e internacional, estudaron cal era a mellor forma de solucionar esta situación e poder compatibilizar as probas deportivas co dispositivo de seguridade e mobilidade necesario para unha cita electoral.
Finalmente o Campionato do Mundo de Dúatlon Standar, que estaba fixado para ese domingo 28 de abril, pasará ao primeiro día do Festival Multideporte, o sábado 27 para as categorías elite e grupos de idade, a partir das 17:00 horas, mentres que os júniores e a categoría de paratríatlon mantense na mañá do domingo pero cun percorrido modificado que non terá practicamente afectación á mobilidade urbana nin incidencia na xornada electoral.
Desta forma, sinala a Federación Española, a participantes elite e os populares de grupos de idade, que tiñan que estar obrigatoriamente o sábado pola tarde para o control de materiais da proba, poderán participar sen cambiar os seus plans de viaxe ou perder billetes de avión e aloxamento.
Con estes cambios, o calendario final do sábado 27 de abril mantén todas as probas previstas pola mañá na modalidade Dúatlon Sprint (desde as 8:00 horas), e na sesión vespertina celebraranse a maioría de saídas do Dúatlon Standard.