O Marín Futsal anuncia a chegada de Antía Mariño, a súa décima fichaxe

Marín
01 de agosto 2023

A galega de 28, que procede do Albacete FS de Segunda División, destaca pola súa polivalencia sobre a cancha

Antía Mariño (de branco), nova fichaxe do Marín Futsal, coa camiseta do Albacete FS Albacete FS

O Marín Futsal fixo oficial este luns a súa décima fichaxe do verán. Trátase da ala-peche Antía Mariño, procedente do Albacete FS, onde realizou o pasado curso unha extraordinaria campaña en Segunda División.

A galega, natural de Viveiro, ten 28 anos e unha dilatada experiencia na categoría de prata do futbol sala nacional. Antes de fichar polo conxunto manchego, xa defendeu as cores do Xaloc Alacant, o Torrent e a Petxina.

Un dos puntos fortes da xogadora é a súa polivalencia, pois pode desenvolverse con solvencia en calquera posición da cancha.

Non foi a única incorporación ao equipo de Ramiro Díaz. A prometedora porteira Ainoa Gil incorpórase tamén á dinámica de adestramentos do primeiro equipo con só 15 anos.

Procedente do Futsal Morrazo, a porteira traballará as próximas semanas co primeiro equipo e logo será o técnico e a dirección deportiva os que decidan se se mantén en Primeira División, se continúa a súa formación na base ou sae cedida a algún outro equipo para madurar como deportista.

Coa chegada de Antía Mariño e a incorporación de Ainoa Gil son xa dez as novas caras deste renovado Marín Futsal no que debutarán co uniforme branco e azul Marina Groba, Lucía Serrano, Ana Pinto, Débora Lavrador, Carolina Pedreira, Ana Cunha, Patricia Arruti e Daniela Rodríguez