O mellor baloncesto galego cítase en Marín

Marín
12 de setembro 2018

Os dous equipos galegos que militan na Liga ACB, Breogán e Obradoiro, e os dous de LEB Ouro, Basquet Coruña e COB Ourense, protagonizarán este domingo 16 de setembro as semifinais da Copa Galicia no pavillón marinense da Raña

Presentación da fase final da Copa Galicia de baloncesto Concello de Marín

O pavillón marinense da Raña congregará os catro mellores equipos do baloncesto autonómico o vindeiro domingo 16 de setembro nas semifinais da Copa Galicia.

Nelas mediranse os dous equipos galegos que militan na Liga ACB, Breogán de Lugo e Obradoiro, contra os dous que o fan na LEB Ouro, Basquet Coruña e COB Ourense.

A fase final da competición autonómica presentouse oficialmente este mércores no Concello de Marín, que tamén será escenario da gran final o día 31 de outubro.

O domingo abrirán fogo na primeira semifinal (18:00 horas) o Basquet Coruña e o Breogán, sendo a segunda quenda (20:00 horas) para o partido entre COB Ourense e Obradoiro.

As entradas terán un prezo único de 10 euros que dará dereito a presenciar os dous encontros.