Pacheco seguirá liderando o Arosa en Segunda Federación

O Salnés
17 de xullo 2026

O capitán e defensa do conxunto arlequinado estende a súa vinculación co club e seguirá facendo historia ao afrontar a súa sétima tempada na Lomba, a quinta consecutiva nesta segunda etapa

Carlos Pacheco, xogador do Arosa Arosa SC

O Arosa contará cos servizos dun dos seus buques insignia, Carlos Pacheco, en Segunda Federación.

O capitán do conxunto arlequinado disputará a súa sétima tempada no club, a quinta de forma consecutiva na súa segunda etapa, para liderar a defensa e o proxecto dirixido por Gonza Fernández.

Pacheco disputou dúas tempadas co conxunto vilagarcián antes de pasar polo Somozas entre o 2020 e o 2022. Con todo, no verán dese mesmo ano recalou de novo no cadro arlequinado para asentarse como un fixo na defensa e comezar unha próspera segunda etapa no club.

Coa súa recente renovación, o capitán afrontará a súa quinta campaña consecutiva na Lomba.

Experiencia, liderado e muha solidez defensiva son algunhas das aptitudes dun Carlos Pacheco que será, sen dúbida, parte fundamental do proxecto de Gonza Fernández en Segunda Federación.

En relación ao ascenso de categoría, Pacheco asegura que "foi unha tempada inesquecible das que quedan para sempre. Conseguimos algo moi difícil grazas ao traballo diario, ao compromiso de todo o vestiario, do corpo técnico, do club e do apoio incondicional dunha afección que é doutra categoría".

O capitán non se conforma cos seus máis de 150 partidos co Arosa: "Aquí síntome valorado, feliz e en casa. Este club deume moito e sinto que aínda podo seguir achegando".

E é que a pesar de non nacer en Vilagarcía, Pacheco sente á localidade parte da súa casa xa que "desde o primeiro día notei o cariño da xente, do club e da súa afección e iso fai que todo sexa máis fácil".

Sobre a nova categoría, o xogador explica que a pesar da enorme esixencia "afrontaremos o reto con moito respecto e humildade, pero tamén con ilusión e confianza no traballo que facemos día a día".

En canto ao seu obxectivo, Pacheco teno claro: "Seguir sendo útil e axudar a que o Arosa siga crecendo".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora