RADIO.- Cara a cara: Sabela Córdoba, rexuvenecendo o alpinismo galego

Pontevedra
11 de outubro 2018

Licenciada en Ciencias de Actividade Física e do Deporte, Sabela Córdoba forma parte do equipo de tecnificación de mozos alpinistas galegos da Federación Galega de Montañismo. Charlamos en PontevedraViva Radio coa moza pontevedresa

Sabela Córdoba no Cara a cara de PontevedraViva Radio Mónica Patxot

A ximnasia rítmica é unha viaxe exprés no tempo, así que Sabela Córdoba cambiou as punteiras con pouco máis de vinte anos pola botas. Lembra que os seus pais eran montañeiros e que nalgunha saída participara, pero non sentiu verdadeiramente a chamada da montaña ata hai pouco tempo. Agora forma parte do equipo de tecnificación de novos alpinistas galegos que impulsa a Federación Galega de Montañismo.

Fala no Cara a cara dos primeiros metros que escalou xunto ao Club Aromon Montañeiros Pontevedra; da aprendizaxe que recibiu con eles e do compañeirismo que se vive nesta disciplina deportiva.

Aínda é un deporte con predominio do home na súa práctica, coidado que elas están xa pisando forte. De feito ilumínanselle os ollos cando fala de Edurne Pasabán. Sabela representa ademais o rexuvenecemento deste deporte de alto risco.

Di en PontevedraViva Radio que o feito de que a escalada se inclúa nas Olimpíadas de 2020 vai ser un revulsivo para a súa práctica. Iso si, tamén insiste: que ninguén se tire ao monte polas boas, ante todo: sentidiño e formación previa.