A vitoria deste domingo no Pedro Escartín (1-4) supón o segundo triunfo consecutivo do Pontevedra Club de Fútbol, que xa é terceiro na clasificación.
Rubén Domínguez foi claro nas súas declaracións ao explicar que "gañar hoxe aquí era un paso de xigante para ese hipotético play-off"
"Está a pelota no noso tellado" afirmou o adestrador ourensán, que puxo o foco en que o Pontevedra depende de si mesmo a falta de cinco xornadas para lograr o ansiado obxectivo.
Outro aspecto positivo foi a implicación do equipo: "Todo o mundo está a achegar, xogadores que saen de inicio, xogadores que saen de banco, xogadores que non xogan pero pola semana fan un traballo espectacular e sempre están preparados".
Foi especialmente relevante a importancia dos cambios neste partido xa que os goleadores Luisao, Joao e Compa salguen saíron desde o banco. Facu, que dá o pase no segundo gol, tamén o fai entrando como suplente.
"É unha pena que non teñamos dez cambios para facer", detallou Domínguez en relación á implicación dos seus xogadores.
A realidade é que o Pontevedra non o tivo fácil ata que Luisao fixo o segundo tanto. O técnico do conxunto granate explicou que "isto é a Primeira RFEF, hai que estar dentro dos partidos, agarrarse a eles nos momentos malos".
E é que unha das claves da vitoria de hoxe estivo na ilusión dos xogadores: "hoxe entramos cun puntiño de ambición como o día de Ponferrada e como o día de Barakaldo". O técnico foi máis aló e asegurou que "imos pór toda a carne no asador para traer a Pontevedra despois dun tempo unha nova fase de ascenso a segunda división".
O traballo non está nin moito menos feito. Aos do Lérez quédanlle cinco finais que comezan o vindeiro sábado co partido fronte o Celta Fortuna: "Imos ter un partido dos bonitos, dos bonitos de xogar, dos bonitos de ver, dos bonitos para a bancada".
O obxectivo é claro para o técnico ourensán: "Sabemos que se gañamos metémonos con 55 e 55 é tocar coas xemas o play-off que creo que andará entre 58 e 60".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.