A comisaría loce nova imaxe... e sen filtracións

Pontevedra
22 de marzo 2018

Tras preto de dous meses coa fachada oculta tras as estadas, este mércores as obras de reforma xa estaban practicamente terminadas e as paredes aparecían destapadas. Permitiron poñer fin ás filtracións de auga que estaban a deixar humidades no interior do inmoble 

Nova imaxe da Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra Mónica Patxot

A Comisaría Provincial da Policía Nacional na rúa Joaquín Costa estreou esta semana unha nova imaxe. Tras preto de dous meses coa fachada oculta tras as estadas, este mércores as obras de reforma xa estaban practicamente terminadas e as paredes aparecían destapadas. 

As obras comezaron o pasado mes de xaneiro para reformar a fachada dianteira nunha actuación que, por unha banda, mellorou a imaxe desgastada do edificio e, por outro, permitiu poñer fin ás filtracións de auga que estaban a deixar humidades no interior do inmoble

A actuación supuxo unha reforma integral da fachada tapando as lousas antigas e acometendo un saneamento completo da mesma.  Este mércores as estadas xa non estaban e os traballadores apuraban os últimos retoques na parte máis baixa do exterior do edificio

Unha vez realizada este obra, quedan pendentes varias actuacións na Comisaría Provincial, que se centrarán en mellorar o primeiro piso do edificio, no que ata maio de 2016 estaban situadas as oficinas de expedición do DNI e o pasaporte. Entre outros usos, as instalacións destinaranse a ampliar e mellorar o arquivo da comisaría e a habilitar un salón de actos máis amplo que o actual. Tamén se realizará unha reestruturación de despachos. 

Estas obras e o traslado da comisaría cobren parte das demandas que levan anos realizando os sindicatos policiais. As súas reclamacións históricas foron un aumento do catálogo de postos de traballo e a mellora das instalacións, ademais, de contar cunha nova sede.