A corrupción, tema de enfrontamento para o Club de Debate

Pontevedra
04 de marzo 2015

O Club de Debate terá o próximo sábado sete de marzo ás 11.00 horas, no Pazo da Cultura de Pontevedra, o concurso para decidir quen se proclamará campión provincial coa exposición do tema "Vivimos nun sistema corrupto". Ademais, os dous institutos que logren o primeiro e segundo premio serán os que representen a Pontevedra na gran final rexional de Carballo o día 16 de abril.

Final del IV club de debate del Concello de Pontevedra Concello de Pontevedra

O Pazo da Cultura acollerá novamente o próximo sete de marzo ao Club de Debate nunha xornada que se prevé chea dunha alta competitividade entre os equipos que este ano participan para proclamarse campións de Pontevedra.

Cinco institutos intervirán na edición deste ano. O IES A Xunqueira 1, Luis Seoane, Valle Inclán, IES Ponte Caldelas e IES Carballiño terán que enfrontarse ao tema seleccionado para esta ocasión e defender a postura que se lles asigne ante o xurado.

O tema deste ano é "Vivimos nun sistema corrupto", unha cuestión que expoñerán nos primeiros cinco minutos dos 36 que teñen en total os equipos. Despois deberán argumentar a favor ou en contra deste axustándose ao tempo do que dispoñen.

O xurado, presidido por Susana Pedreira, de Onda Cero, e polo resto de xuíces, Mercedes Torres, profesora de cursos Celga, Olga Patiño, coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística (CTLN), e as profesoras de primaria Carmen do Campo e Teresa Álvarez, terán o difícil labor de puntuar os equipos, tendo en conta, entre outros factores, que respecten o tempo establecido. Ademais unha folla de cálculo informatizada é a novidade para esta edición que facilitará o traballo do xurado e a rapidez para nomear os gañadores.

O Salón do Libro acolle dentro da súa programación o evento do Club de Debate que dará comezo ás 11.00 horas co primeiro debate e finalizará tras a entrega de premios ás 17.00 horas.

Os gañadores recibirán un premio de 500 euros para usar na compra de material de lectura en galego, ademais do libro de discursos Sempre en Galiza, de Castelao, que expoñerán no instituto ata a próxima edición do Club de Debate. O segundo posto terá un premio de 300 euros para a compra de material de lectura en galego. Ademais ambos os dous clasificaranse para a fase final galega, que se celebrará o 16 de abril en Carballo.