A gastronomía e a arte rupestre, intereses dos asistentes a FITUR sobre Pontevedra

Pontevedra
25 de xaneiro 2020

O potencial da gastronomía, os xacementos de arte rupestre e os encantos naturais, praias e bosques da contorna de Pontevedra son os principais atractivos que está a espertar o interese dos asistentes á Feira Internacional de Turismo (FITUR) sobre a capital das Rías Baixas

Asistentes a FITUR ante o stand de Galicia Concello de Pontevedra

O potencial da gastronomía, os xacementos de arte rupestre e os encantos naturais, praias e bosques da contorna de Pontevedra son os principais atractivos que está a espertar o interese dos asistentes á Feira Internacional de Turismo (FITUR) sobre a capital das Rías Baixas.

Nesta feira, que reúne destinos turísticos de todo o mundo, a Mancomunidade Terras de Pontevedra e Turismo de Pontevedra teñen un espazo propio dentro da oferta de Galicia.

Terras de Pontevedra aterrou en Madrid cunha renovada imaxe de material promocional para dar a coñecer a todos os visitantes os recursos turísticos da comarca, presentando unha nova web que mellora a experiencia dos usuarios e unha APP centrada na arte rupestre.

Yoya Blanco, que encabezou a delegación do Concello de Pontevedra, subliñou o éxito da nova liña de folletos e tarxetas que se están a difundir, cun formato de banda deseñada moi distintivo e que foi creado para as campañas Augas de Terras e Sabores de Terras.

A edil de Turismo destacou que todo este material está contribuíndo a consolidar a Pontevedra como destino turístico familiar e celebrou o gran número de contactos, reunións e entrevistas que mantivo coa prensa especializada e con diversos operadores turísticos.

Entre o material promocional que a mancomunidade está a repartir en FITUR inclúense uns 4.000 folletos: 2.000 unidades da campaña Augas de Terras (‘Coñece Terras de Pontevedra e camiña entre dúas augas’) e outras 2.000 de Sabores de Terras (‘Unha viaxe pola gastronomía de Terras de Pontevedra’).

Ademais, estanse a distribuír mapas de arte rupestre e uns cartóns que permiten descargar os folletos mediante códigos QR.