A rúa Camilo José Cela de Vilagarcía, un cambio de imaxe radical que a recupera para a xente

O Salnés
11 de novembro 2021

O Concello de Vilagarcía acaba de gañar un novo espazo para o uso da poboación, a recentemente transformada rúa Camilo José Cela, remodelada con cargo a unha achega de 230.000 euros do Plan Concellos da Deputación Provincial de Pontevedra

Inauguración da nova rúa Camilo José Cela Deputación Provincial de Pontevedra

O Concello de Vilagarcía acaba de gañar un novo espazo para o uso da poboación, a recentemente transformada rúa Camilo José Cela, remodelada con cargo a unha achega de 230.000 euros do Plan Concellos da Deputación Provincial de Pontevedra. 

As obras da remodelada rúa inauguráronse este xoves coa presenza da presidenta provincial Carmela Silva, e do alcalde, Alberto Varela, que destacaron que supón unha das grandes actuacións englobadas no ambicioso proxecto municipal para a reforma do barrio do Piñeiriño.

A rúa presenta unha nova imaxe con solado decorado como mosaico, bancos e elementos de formas xeométricas e diversa e exótica vexetación a distintas alturas, cun deseño do arquitecto Mariano Vázquez

Carmela Silva destacou que o proxecto desenvolvido, e co que se peonalizaron os dous tramos centrais da rúa, amosa a esencia do modelo de mobilidade amable e sostible e a recuperación do espazo público para as persoas promovida desde a Deputación.

Destaca que é un modelo baseado na construción de vilas, pobos e cidades amables "creando tramas urbanas onde as persoas son o primeiro e pensando en que sexan ocupadas por maiores, nenas e nenos, e persoas que teñen dificultades de mobilidade, en definitiva, para crear vida".

Tamén lembra a presidenta provincial que nos anos 70 e 80 construíronse as infraestruturas viarias para os vehículos, "e con iso expulsouse á xente". Hoxe en día, tal e como destacou, "estamos a mudar isto e Vilagarcía está a facer unha aposta moi potente por este cambio de modelo".

Alberto Varela agradeceu á presidenta e á "nova Deputación" ser o "principal aliado" do Concello nos últimos anos en materia de investimentos e agradeceu tamén o respaldo ofrecido pola Asociación de Veciños e Veciñas do barrio, no que viven 2.500 persoas.

O alcalde destacou que os proxectos de humanización promovidos polo Concello "non podían quedarse no centro, senón que era necesario levalos a cabo neste barrio", antes coñecido como As Pistas "porque todo eran estradas que rodeaban aos edificios”, e agora "pode presumir e gozar desta nova praza pública que non sei se é máis bonita de día ou de noite".

Carmela Silva anunciou que o Plan Concellos 2022-2023 suporá un orzamento de 2,3 millóns de euros para Vilagarcía, dos que poderá dispoñer xa o ano que vén. Tamén achegará a través do programa ReacPon o 70% do financiamento para a construción da nova biblioteca, cunha achega de 1,2 millóns de euros, ao que hai que sumar outras subvencións e proxectos.