A Universidade programa sete novos obradoiros abertos a toda a cidadanía

Pontevedra
05 de febreiro 2024

A inscrición nos obradoiros poderá realizarse entre este luns 5 e o venres 16

Pista de pádel Inese Wilmington

Abertos a toda a cidadanía, a programación de obradoiros de extensión universitaria da Vicerreitoría para este segundo cuadrimestre está conformada por sete propostas que se ofertan por primeira vez no campus pontevedrés. 

Neste abano de propostas, que permiten tamén ampliar a formación do alumnado en diferentes eidos, figuran talleres centrados nas ciberagresións en contextos escolares, na loita contra a desinformación e na xeración de contidos con intelixencia artificial, así como na experimentación sonora, a creación téxtil con pistolas tufting gun e a elaboración de libros de artista, xunto cun curso de iniciación a tenis e pádel.

Cun centenar de prazas no seu conxunto, a inscrición nestes sete obradoiros poderá realizarse entre este luns 5 de febreiro e o venres 16 de febreiro na plataforma Campus Activo. 

Recoñecidos cun crédito ECTS por cada 30 horas de traballo, teñen un prezo de matrícula de 40 euros para o público xeral, de 26 para a comunidade universitaria e de 32 para outros colectivos vinculados á Universidade de Vigo.