O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, finalmente respondeu na tarde deste venres aos reiterados intentos do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para que ambos falasen sobre a obra da Variante de Alba, que a Xunta decidiu paralizar mentres buscaba un trazado alternativo, decisión que fixo pública o portavoz local do PP, Rafa Domínguez. Finalmente, foi o mandatario autonómico o que xa chamou ao rexedor pontevedrés e, tras unha longa conversación, desbloqueouse a situación.
Segundo a información difundida polo Concello de Pontevedra, ambos os dirixentes decidiron retomar o proxecto no punto anterior á polémica e Feijóo deu orde á Conselleríad e Infraestruturas para que se poña en contacto co Concello sobre este tema.
As ordes de Feijóo a Infraestruturas son que se trate de chegar a acordos sobre o trazado actual da variante.
Esta chamada do presidente da Xunta produciuse tras unha queixa pública de Lores sobre a suposta paralización do proxecto e sobre os intentos errados de contactar con Feijóo. O alcalde compareceu este venres en rolda de prensa e mostrouse "profundamente sorprendido, decepcionado e traizoado" pola Xunta e polo propio Feijóo, pois existía un compromiso entre ambos os políticos para facer este proxecto.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.