Adeus aos partidos de infarto na Lama

A Lama
18 de novembro 2016

Instalan un desfibrilador no campo de futbol municipal de Racelo. O aparello, subvencionado pola Deputación, estará dispoñible en caso de necesidade para as persoas que practiquen deporte e o propio público

Instalan un desfibrilador no campo de fútbol de Racelo Concello da Lama

O alcalde da Lama, Jorge Canda, en compañía do presidente do equipo de fútbol A Lama, S.D., Marcial Peso, e varios membros da súa xunta directiva, inspeccionaron a colocación dun desfibrilador no campo de fútbol municipal de Racelo, subvencionado pola Deputación de Pontevedra.

A instalación deste equipo vén como consecuencia da demanda exposta polo club ao alcalde e a necesidade de dispoñer deste tipo de elementos para previr calquera eventualidade que poida precisar da súa utilización.

De feito, xa non é a primeira ocasión que xogadores de veteranos sofren algún contratempo como consecuencia da práctica de deporte nestas instalacións sen dispoñer deste aparello que resulta de gran eficacia como xa se ten demostrado.

O desfibrilador foi instalado nun lugar moi accesible do campo, próximo á cafetería e á entrada ao propio recinto deportivo e dispón tamén de varios carteis ilustradores sobre o seu manexo.

Ademais, por mor da colocación deste aparello en Racelo, dous membros da xunta directiva que adoitan estar á fronte das instalacións deportivas realizaron un curso sobre o manexo do mesmo para garantir, en caso de necesidade, o seu adecuado uso.