Amor polo comercio local, a campaña do Concello para o día de San Valentín

Pontevedra
01 de febreiro 2022

A concellería de Promoción Económica premiará aos clientes que compren en tres comercios adheridos á campaña municipal coa participación nun sorteo de vinte cheques de 75 euros, mentres que os que o fagan en catro poderán facer un lanzamento nunha ruleta chea de premios

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, presenta a campaña de apoio ao comercio local para o día de San Valentín Concello de Pontevedra

Fomentar as compras no comercio local é o obxectivo da campaña da Concellería de Promoción Económica para o 14 de febreiro, o día dos namorados. "Agasalla Amor" é o lema dunha iniciativa que promete suculentos premios para auqellos clientes que adquiran os seus agasallos nos establecementos de Pontevedra.

A proposta é sinxela: os pontevedreses que compren os seus agasallos en tres establecementos adheridos á campaña terán a posibilidade de participar no sorteo de vinte cheques cargados con 75 euros cada un para trocar no comercio local. Con todo, se o número de comercios visitados ascende a catro, o comprador gañarase o dereito para realizar un lanzamento na ruleta do amor, que se instalará o 14 de febreiro na praza da Peregrina e estará cargada de premios.

Para executar a campaña, o departamento que dirixe a socialista Yoya Blanco distribuirá entre uns 400 negocios locais un pack formado por 12 corazóns e unha bolsa en vinilo para pegar nos seus escaparates. Ademais, recibirán tamén 40 tarxetas para entregar aos seus clientes, que deberán levala encima para selala ao efectuar as súas compras na seguinte tenda.

Aqueles clientes que reúnan tres selos diferentes deberán depositar a tarxeta nunha caixa de correos que se instalará na oficina de Turismo situada na Praza de España entre os días 4 e 13 de febreiro. Un cuarto selo, marcado nunha pestana recortable, abrirá a porta para participar no lanzamento da ruleta, que ofrece premios directos como: 25 vales de compra de 20 euros cada un, 250 rosas e 125 caixas de bombones, que suman un valor total de 1.500 euros.

A campaña estará activa entre os días 4 e 14 de febreiro, mentres que o martes, día 15, celebrarase o sorteo dos 20 vales por valor de 75 euros #ante a oficina de Turismo de Pontevedra.