A Praza de España de Pontevedra reuniu este sábado, ás 20:00 horas, a numerosas persoas que acudiron para expresar o seu apoio a Ramón, o mozo da parroquia de Marcón que denunciou unha agresión homófoba o pasado fin de semana.
O acto, convocado polo colectivo Avante LGBT+, contou coa participación da propia vítima, quen estivo acompañada por familiares, amizades e representantes da corporación municipal, entre eles o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o portavoz socialista, Iván Puentes.
Durante a mobilización, os asistentes portaron pancartas en defensa dos dereitos de todas as persoas e corearon consignas a favor do respecto á diversidade: "Respeta a existencia ou espera resistencia".
Durante a lectura do manifesto, Diego Feijoo, en representación de Avante LGBT+, subliñou que esta agresión constitúe "un ataque contra a liberdade, a dignidade e os dereitos de todas as persoas LGBT+" e, por extensión, contra os valores democráticos da sociedade.
Sinalou tamén que non se pode "permitir que o odio e a intolerancia se normalicen" e describiu cada acto violento como "unha ferida aberta na nosa convivencia". Definiu a asociación como un "espazo seguro" e un "punto de encontro desde o cal contribuír á consecución dunha Pontevedra máis respectuosa e inclusiva".
O representante do colectivo dirixiuse tamén á mocidade, indicando que "deberían ser o motor do cambio e da inclusión", pero que en ocasións son "vítimas ou mesmo partícipes dos discursos de odio".
Feijoo defendeu que a diversidade debe entenderse como "unha riqueza, non unha ameaza" e lanzou un "chamamento á unidade de toda a sociedade pontevedresa" para que o odio "non teña a última palabra".
O manifesto concluíu coa intención de converter a concentración nun "compromiso firme coa construción dunha sociedade onde todas as persoas poidan vivir libres e sen medo".
Os feitos que motivaron esta protesta ocorreron na mañá do pasado domingo, 8 de marzo, arredor das 8:45 horas, na contorna da rúa Dona Tareixa, no centro histórico da cidade.
Segundo a denuncia presentada ante a Policía Nacional, a vítima e un amigo foron increpados por un grupo de mozos que lles exixiron que abandonasen o lugar mentres proferían insultos pola súa orientación sexual.
O relato policial indica que tres dos integrantes do grupo seguiron aos dous amigos e un deles golpeou a Ramón na cara, provocándolle un traumatismo nasal e unha ferida na boca.
Unha testemuña dos feitos difundiu un vídeo en redes sociais onde explicou que a actitude dos agresores foi agresiva dende o primeiro momento, sen que houbera provocación previa por parte dos dous amigos.
A Policía Nacional informou esta semana da detención de tres persoas implicadas no suceso: o presunto autor material da agresión e outros dous mozos que colaborarían no incidente en diverso grao.
Os tres arrestados pasaron o pasado xoves a disposición do xulgado, que decretou a súa liberdade provisional. O procedemento xudicial continúa o seu curso e os implicados poderían enfrontarse a penas de cárcere que se moven entre os doce meses e os catro anos.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.