As protestas dos usuarios dos locais culturais obrigan a aprazar o pleno de Vilagarcía

O Salnés
28 de maio 2013

Entre berros de 'dimisión' e sons de gaitas e pandeiretas, o alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, decide suspender o pleno tras aprobar o regulamento de uso das instalacións municipais que provocou a oposición dos colectivos veciñais e das asociacións culturais

Tensión no pleno de Vilagarcía no que se aprobou o regulamento de uso dos locais municipais

PP e IVIL aprobaron, no medio dun ambiente de tensión e malestar, a ordenanza e o regulamento de utilización dos espazos culturais municipais de Vilagarcía. E ante o barullo e a música que rodearon o salón de plenos tras esta medida, o alcalde Tomás Fole, decidía suspender o pleno que deberá retomarse nun prazo de 10 días.

Nesta ocasión, volveu encherse o aforamento pero os axentes policiais non reclamaron a identificación dos asistentes ao pleno. Máis dun centenar de representantes de colectivos culturais, asociacións e sindicatos ocupaban no salón de plenos. Algúns portaban instrumentos musicais, outros lucían narices de pallaso. En todos se palpaba o malestar ante a intención do goberno local de aprobar un regulamento que establece prezos para o uso das instalacións culturais que dependen do Concello.

A intervención de Xurxo Abuín, o voceiro de 36 colectivos culturais que asinaron un manifesto contra o regulamento obtivo os primeiros aplausos dos asistentes. O representante das asociacións mostrouse indignado coa actitude do goberno local e acusou ao alcalde Tomás Fole de mentir e de non incluir as alegacións presentadas ao regulamento. Dúas mulleres tamén increparon o alcalde dende as butacas do público.

Os voceiros da oposición Juan Fajardo, Tania García e María Villaronga, apoiaron as reivindicacións dos asistentes. O concelleiro de Cultura, Francisco González, intentou defender o regulamento sen éxito. Xurxo Abuín abandonou o pleno alegando que a aprobación desta norma era un chamamento á rebelión social e, a partir de aí, tanto os concelleiros da oposición coma a maioría dos asistentes abandonaron o salón de plenos mentres berraban 'dimisión'.

Mentres tanto, o equipo de goberno erguía os brazos para aprobar a polémica ordenanza.

Entre a crispación, integrantes dos colectivos comezaron a tocar o himno galego ás portas do Concello e a continuación, entraron de novo no edificio nun ambiente enxordecedor que impedía que a sesión plenaria continuase. Foi nese momento cando o alcalde decidiu aprazar o pleno que terá que ser retomado nun prazo máximo de 10 días.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora