As vacas soltas traen de cabeza de novo os veciños de Xeve

Pontevedra
28 de setembro 2018

Volveu a suceder. Veciños de Santa María e San Andrés de Xeve denuncian os danos ocasionados nos seus cultivos por un grupo de vacas soltas. Este venres conseguiron encerrar aos animais nunha leira, pero quéixanse da falta de axuda das institucións para dar co seu dono e poñer fin ao problema

Vacas soltas interceptadas por veciños en Xeve PontevedraViva

A historia volveuse a repetir, e os veciños de Santa María e San Andrés de Xeve empezan a cansar. 

Un grupo de veciños interceptou este venres a un rabaño de vacas soltas que estaban a producir danos en cultivos da zona. Trátase dunha situación recorrente, debido ao gando soltado no monte para pastoreo pero que baixa ata as zonas habitadas sen que ninguén faga nada por evitalo.

Nesta ocasión varias persoas conseguiron conducir aos animais a unha leira próxima, na que as pecharon mentres chamaban ás autoridades.

"A policía apuntou os pendentes das vacas para ver de quen eran", explica unha das afectadas, Beatriz García. Con todo, aínda que lles comunicaron que un camión acudiría a levar aos animais, ninguén volveu polo lugar. 

O probema é quen debe facerse cargo das vacas. "Din que ten que ser Medio Rural, pero igual ata o mércores nada", explica, pero tamén chamaron noutras ocasións o Seprona e o Concello.

"Parece que non son de niguén, porque os donos non aparecen", sinala, e ante esta situación "estamos decidindo soltalas". O problema, que a situación se volverá a repetir ante a impotencia dos veciños, que só piden unha solución que lles permita non temer polos seus cultivos e por botar por terra todo o seu traballo.