O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, realizou unha visita de supervisión ás obras do futuro parque da Parda, acompañado polo concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda.
Os traballos comezaron en marzo e o rexedor pontevedrés destacou que a obra "vai en tempo e forma", coa intención de que este gran parque poida estar finalizado en 2027.
"Non parece que haxa moitas cousas feitas, pero si que hai moitas cousas feitas, sobre todo de sacar materiais que hai que quitar, de desentullar", explicou Lores durante a súa visita ao terreo, onde xa se está a conformar unha plataforma a 23,50 metros sobre o nivel do mar, que podería elevarse lixeiramente máis, segundo avanzaron os técnicos.
O proxecto, adxudicado por 5,3 millóns de euros ás empresas pontevedresas Construcciones Ramírez e Covsa, desenvolverase nunha parcela de 34.650 metros cadrados que discorre paralela ás vías do tren, entre a Cidade da Xustiza e as rúas Entrevías e Otero Pedrayo.
Segundo explicou o alcalde, o recinto ten 550 metros de largo e presenta un desnivel considerable, desde os 21 metros sobre o nivel do mar na conexión con Entrevías, ata os 33 metros na conexión co vial dos Xulgados. "A partir de conseguir esta plataforma de traballo irán facendo todos os niveles, os muros, etc.", sinalou.
Un dos aspectos máis relevantes do proxecto é a canalización da auga dos mananciais existentes na zona. "Localizaranse os olleiros, que se canalizarán por unha especie de canle ou de río artificial", indicou Lores, engadindo que "hai menos auga da que en principio estaba prevista, pero si que hai olleiros na zona máis alta". Esta canalización será "un eixo" de todo o parque.
O proxecto contempla a reserva de 10.000 metros cadrados para o futuro pavillón de deportes, unha plataforma a maior altura cara á zona dos xulgados que albergará un aparcadoiro con máis de 200 prazas, e un gran parque infantil nesa contorna.
"Logo vaise poñer moitísimo arborado, arbustos e árbores de porte tamén, varios miradores, porque vai quedar un pouco por riba da vía do tren", explicou o rexedor, quen engadiu que o nivel de 23,5 metros "probablemente se vai a 24,20; de maneira que vai quedar unha especie de miradoiro sobre a vía do tren".
En canto aos accesos, o alcalde confirmou que se poderá entrar ao parque por Entrevías, que terá un pequeno aparcamento, e pola vía dos xulgados, que dará entrada ao futuro pavillón e ao parque, co outro aparcadoiro.
Un dos obxectivos principais do proxecto é "conectar todo o barrio da Parda, que está en crecemento, co resto da cidade a través do Paseo dos Gafos que conectaría despois de Entrevías con Otero Pedrayo", destacou Fernández Lores.
Respecto aos prazos, o alcalde confirmou que a obra vai segundo o previsto, cun prazo inicial de execución de 28 meses. En todo caso, mostrou o seu optimismo sobre a posibilidade de reducir este período: "Intentaremos acortar esa previsión, que parece que é posible".
Sobre unha parcela situada nos arredores dos xulgados, que estaría pendente de incluíla, o alcalde aclarou que "non é imprescindible expropiar nada máis" para que o proxecto avance, aínda que non descartou chegar a algún acordo cos propietarios coa intención de que a parcela facilite máis "a conexión con todas as zonas" próximas.
En canto ao futuro pavillón da Parda, Lores explicou que se está traballando na viabilidade económica do proxecto: "Temos que facer un estudo de viabilidade e cando o teñamos, decidiremos sobre el". O alcalde asegurou que quere deixalo "todo perfectamente preparado antes do próximo mandato", sen descartar que as obras poidan iniciarse antes das eleccións de 2027.
"Este vai ser o maior parque de Pontevedra, nunha zona de crecemento e é necesario", concluíu o alcalde para destacar a importancia do proxecto.