A programación anual do Orgullo de Pontevedra incorpora, por quinto ano consecutivo, a convocatoria do premio literario Pinto e Maragota.
A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, presentou esta nova edición dun "premio referente en Galicia nesta temática", convocado polo Concello de Pontevedra en colaboración con Edicións Xerais coa finalidade de eliminar os prexuízos e as invisibilidades que afectan a diversidade sexual e de xénero.
Gulías quixo interpelar a toda a sociedade animando a concorrer a este premio, pois "moitas veces pensamos equivocadamente que todas estas actividades que teñen que ver co Orgullo ou coa diversidade interpelan soamente a ese colectivo; e non é así".
Así, considera que este premio, como calquera cuestión que teña que ver coa igualdade, a liberdade ou a diversidade, "está a interpelar a todas as persoas que cremos en sociedades libres e igualitarias".
Así o fai o Concello con este premio, que busca visibilizar e tamén dignificar cunha actividade divulgativa que convida a profundar en diferentes temáticas a través da literatura.
Neste caso, este premio ábrese ás modalidades de novela, teatro e poesía e ás categorías infantil, xuvenil e adulta e ten un premio de 3.000 euros.
Este premio é, para Gulías, "unha oportunidade para poder compartir diferentes realidades" e xa está aberto o prazo para presentar obras.
Os orixinais poderán enviarse hatsa o 24 de xullo en PDF ao correo igualdade@pontevedra.eu e na páxina web do Concello de Pontevedra e no Centro de Información á Muller (CIM) poderán consultarse todos os requirimentos.
Nas anteriores edicións recibíronse entre 20 e 40 orixinais e resultaron premiadas escritoras como María Reimondez, Carme P. G. Granxeiro, Carmen Caramés e Antonio Manuel Fraga, nomes que "avalan" a calidade do certame.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.