Varios veciños de Poio deron aviso nos últimos días ao Concello de que alguén está danando de maneira intencionada árbores do miradoiro de Chancelas.
O Concello fixo pública esta situación, así que como as sospeitas de veciñas e veciños de que o obxectivo último pode ser evitar que esas árbores entorpezan as vistas cara a ría.
Desde o Concello realizaron unha primeira inspección do lugar e indicaron que todo indica que estarían danando de maneira intencionada as árbores para provocar o seu secado e forzar a súa tala.
Así, identificaron varias picadas, marcas e cortes nos troncos.
Toda esta información notificarase ao Seprona da Garda Civil para que abra unha investigación.
O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, desprazouse ata o lugar e recordou que este tipo de prácticas supoñen un atentado contra o patrimonio natural, a paisaxe e o interese xeral, ademais de poder constituír unha infracción administrativa grave e mesmo un delito medioambiental.
Lembrou tamén que as árbores e as zonas verdes son bens públicos protexidos e que calquera actuación sobre elas debe estar debidamente autorizada e xustificada por criterios técnicos, nunca por intereses particulares.
A retirada destas árbores secas, polo seu tamaño e peso, supón unha actuación difícil e custosa para as arcas municipais.
Desde o Concello de Poio agradecen a colaboración da cidadanía e insisten na importancia de que, ante calquera comportamento sospeitoso ou daniño contra a arborada ou os espazos naturais, se comunique de inmediato aos servizos municipais ou ás autoridades competentes.