Este domingo despídese o Entroido en Barro co Festival de Murgas e a incineración do Corvo de Coralia

Barro
13 de marzo 2025

O Festival de Murgas contará coa participación de Val do Lérez, Murga do Naveiro e o Equipo Ja a partir das 19.00 horas na Nave da Música

Equipo Ja, na segunda semifinal do XXXIII Concurso de Murgas de Pontevedra Mónica Patxot

O Entroido de Barro  finalizará este domingo 16 de marzo cunha xornada cargada de música, humor e tradición. Despois de días de intensa actividade, a programación pecharase cunha festa que promete ser o broche de ouro á programación deste ano

O punto culminante da tarde será a partir das 19.00 horas na Nave da Música co Festival de Murgas, que reunirá no escenario ás agrupacións Val do LérezMurga do Naveiro e Equipo Ja.

Precisamente o Equipo Ja é a agrupación pontevedresa gañadora das dúas últimas edicións do certame celebrado no auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra.

Co seu habitual humor, retranca, crítica política e música festiva, as murgas prometen divertir o público asistente.

Unha vez finalizadas as actuacións, darase paso a un dos momentos máis emotivos e simbólicos do Entroido na vila: a despedida do "Corvo de Coralia".

Este acto, que se celebra cada ano, consistirá na incineración do corvo nas inmediacións da Nave da Música.

A veciñanza acompañará ao defunto corvo ata o lugar da queima, onde se lle dedicarán unhas sentidas palabras antes de proceder á incineración dos seus restos, poñendo así fin a esta edición do Entroido.

O Concello de Barro invita a todos os veciños e visitantes a sumarse a esta festa de despedida.