Dous días para celebrar unha Festa da Ameixa que cumpre trinta anos en Carril

O Salnés
24 de xullo 2025

A organización agarda vender uns tres mil quilos de ameixa xapónica, o que serían unhas 8.500 racións. Será a "prezos populares", subliñan, 12 euros a ración de ameixas e 5 a de paella

Presentación da XXX Festa da Ameixa de Carril Concello de Vilagarcía de Arousa

A próxima edición da Festa da Ameixa de Carril non é coma as demais. O evento, declarado festa de interese turístico nacional, cumpre este 2025 os seus primeiros trinta anos. E para celebrarlo por todo o alto, esta cita festiva estenderase durante dous días.

Será o 9 e o 10 de agosto, segundo explicou o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, que presentou a festa este xoves na praia de Portugalete xunto ao patrón maior da confraría de pescadores de Carril, Javier Quintáns.

O rexedor, que invitou a veciños e visitantes a non perder esta importante cita gastronómica, sinalou que será unha celebración "para enchernos de orgullo e presumir do Carril e do seu produto", do que destacou que é unha referencia nacional e internacional.

Unha das novidades de este ano é que os tickets poderán mercarse online a través da web municipal ticket.vilagarcia.gal.

"O obxectivo é axilizar as filas, aínda que sabemos que as persoas maiores preferirán compralos nas carpas o propio día da festa, ou na Praza de Galicia o día de antes", explicou Quintáns.

A celebración arrancará o sábado 8 cunha regata de vela latina (17:00 horas) pola ría. Xa á noitiña, sobre as 21:30 horas, entregaranse os premios do II Concurso de Fotografía da Ameixa.

O chef Miguel Mosteiro preparará unha paella xigante, a partir das 22:00 horas, da que se repartirán unhas 500 racións, e tras a súa degustación haberá música con D’Crooners Band.

O domingo 9, que será o día grande desta Festa da Ameixa, a partir das 11:30 horas, Xirifeiros, Airiños do Carril e Brisas do río Ulla amenizarán as rúas cun pasacalles.

Ás 12:00 horas será o pregón da festa, que correrá a cargo do humorista Carlos Blanco, ademais da entrega de recoñecementos e a actuación de Cristian Silva.

A comida comezará a servirse a partir das 12:30 horas, ata esgotar existencias. "Esperamos vender uns tres mil quilos de xapónica, o que serán 8.500 racións", engadiu o patrón maior.

A música correrá a cargo de Pablo Balseiro and The Verbenian Orquestra.

En canto aos prezos, son "populares", segundo a organización, porque o obxectivo "non é sacar beneficio, senón promocionar o noso produto": 12 euros a ración de ameixas e 5 a de paella.