Dúas das imaxes 'desaparecidas' da Capela do Balneario volven a casa

Ponte Caldelas
05 de marzo 2022

Rodeadas do mesmo misterio co que desapareceron hai xa tres anos, dúas das imaxes da Capela do Balneario volveron a casa. Apareceron hai uns días xunto á porta do templo. Trátase das tallas do Sagrado Corazón de Xesús e da Santísima Trindade

Capela do Balneario coas imaxes recuperadas Concello de Ponte Caldelas

Rodeadas do mesmo misterio co que desapareceron hai xa tres anos, dúas das imaxes da Capela do Balneario volveron a casa. Apareceron hai uns días xunto á porta do templo. Trátase das tallas do Sagrado Corazón de Xesús e da Santísima Trindade.

A 'viaxe' que as tivo uns tres anos fóra da capela pasoulles factura e regresaron con danos. O Sagrado Corazón de Xesús ten unha man rota e á Santísima Trindade fáltanlle as dúas mans.

A recuperación destas dúas figuras é motivo de alegría para o Concello de Ponte Caldelas que, agarda que as persoas que aínda teñen nas súas mans as imaxes que faltan tamén as devolvan para que poidan ocupar de novo o seu lugar na vella capela.

E é que faltan aínda tres das imaxes. O Can de San Roque, o animaliño que agarda sempre fiel aos pés do seu amo, unha figura que os veciños coñecen como ‘O Bispo’ e unha cruz pequena que se empregaba nos oficios relixiosos.

No altar da capela, tamén coñecida como a Capela de San Roque, quedaran só tres imaxes: San Roque (sen o can), o Perpetuo Socorro e a Virxe de Fátima.

O alcalde explica que a intención do Concello é recuperar e poñer en valor esta instalación, construída no ano 1907 por Benito Corbal Estévez, ao mesmo tempo que se realiza a construción da futura Estación Termal de Ponte Caldelas.

A capela, que acollía misa cada 16 de agosto por San Roque, nunca prestou servizo regular, pero moitas parellas de Ponte Caldelas e da contorna casaron alí antes do seu abandono definitivo, a principios do século XXI.