Dúas empresas compiten por deseñar a APP do transporte a demanda de Pontevedra

Pontevedra
04 de setembro 2020

Esta aplicación informática ten que determinar como vai funcionar o mecanismo de transporte a demanda. A licitación deste contrato sae por un importe de 297.460 euros e conta cun prazo de execución de 21 meses

Parada de transporte público Mónica Patxot

Dúas empresas, unha de Madrid e unha UTE con maioría galega, son as que optan ao contrato para crear a aplicación informática que rexerá o transporte a demanda de Pontevedra.

A mesa de contratación celebrada no Concello de Pontevedra analizou as ofertas presentadas, por unha banda, por Innopulse Asesores Tecnológicos (Madrid) e, pola otra, pola UTE Demesix-Sicom-Zitycard, formada por compañías galegas e de Zaragoza.

Esta aplicación informática ten que determinar como vai funcionar o mecanismo de transporte a demanda. A licitación deste contrato sae por un importe de 297.460 euros e conta cun prazo de execución de 21 meses. 

Ademais deste contrato para crear a APP de xestión, a posta en marcha do transporte a demanda de Pontevedra inclúe unha segunda licitación para as propostas de explotación, á que cinco empresas achegaron as súas ofertas.

Este segundo contrato ten un orzamento de 102.850 euros e un prazo de execución de once meses, segundo informa o goberno municipal.

Optan a el as empresas Consultora Alomon, Eptisa Servicios de Ingeniería, Iceacsa Consultores, Idvia 2020 Horizonte 2020 e a UTE Mcrit - Seteoitavas Coop.G.

O proxecto terá que analizar como se comporta a mobilidade -sobre todo nas parroquias- para poder buscar solucións acaídas, tanto no que ten que ver coa fórmula técnica como coas fórmulas legais.

O Concello prevé que ambos contratos estean adxudicados antes de finais de ano, logo de que a súa licitación estivese parada con motivo da pandemia da COVID-19.