O Entroido máis tradicional, en formato contacontos en Ribadumia

O Salnés
19 de febreiro 2025

O auditorio municipal acollerá o domingo 23 de febreiro ás 19:00 horas o contacontos 'Conto do Entroido', unha proposta chea de maxia e tradición da man de Manuela Contacontos

Festa de entroido en Ribadumia Concello de Ribadumia

O Entroido terá esta semana un anticipo en Ribadumia cunha actividade que busca achegar a tradición aos máis pequenos e ás súas familias.

O domingo 23 de febreiro, ás 19.00 horas, o auditorio municipal acollerá o contacontos 'Conto do Entroido', de Manuela Contacontos

Trátase dun espectáculo cheo de maxia e tradición que afonda na figura dos 'peliqueiros' e noutras máscaras tradicionais do Entroido galego, como os choqueiros, cigarróns, pantallas, felos e folións.

A través dunha sesión de narración oral, os asistentes seguirán a historia de Antela, unha pequena que sente medo dos peliqueiros que aparecen na súa vila nestas datas festivas.

Ao longo do relato, irá descubrindo a riqueza desta tradición ata que, finalmente, acaba por converterse nunha auténtica peliqueira, mantendo viva a herdanza familiar.

Trátase dunha proposta lúdica e educativa que permitirá a grandes e pequenos gozar da maxia do Entroido a través das historias e da oralidade.