Escolares do Colexio San José visitan PontevedraViva para coñecer como funciona un medio dixital

Pontevedra
17 de xaneiro 2019

En dúas sesións, escolares que cursan estudos comprendidos entre primeiro e sexto de Primaria aprenderon, da man de Marisa Ciordia, Diego Espiño e Mónica Patxot, como funciona a radio dixital, como se elaboran informacións e como se realizan fotografías para un xornal en Internet

Visita de escolares do Colexio San José a PontevedraViva Mónica Patxot

Durante dúas sesións ao longo desta semana, máis dun cento de escolares dos seis cursos de Primaria, con idades comprendidas entre os 6 e os 11 anos, pasaban polas instalacións de PontevedraViva, interesados en coñecer o funcionamento dun medio de comunicación dixital.

Os xornalistas Marisa Ciordia, Diego Espiño e Mónica Patxot explicaron aos estudantes como se realiza o traballo periodístico a través da busca de novas, a cobertura de roldas de prensa e de eventos deportivos ou a realización de entrevistas radiofónicas.

Os pequenos sorprenderon os xornalistas coas súas ocorrencias ao preguntar se hai unha persoa que é a encargada de chamar a redacción para transmitirlles todas as informacións ou se os xornalistas contan mentiras.

Todos amosáronse ilusionados ao sentarse ante os micrófonos de PontevedraViva Radio e alí comprobaron como se escoitan as súas palabras a través dos auriculares. Os alumnos dos cursos máis avanzados realizaron preguntas a Marisa Ciordia sobre cuestións relacionadas coa parte técnica e moitos recoñecían escoitar a radio online a través de dispositivos móbiles. Se cadra, en breve, estes estudantes protagonizan algunha divertida tertulia.