Facenda premia a Pontevedra pola execución dos fondos europeos cunha achega extraordinaria

Pontevedra
21 de xullo 2026

Mosquera responde as críticas do PP e asegura que o Concello "nunca renunciou" a axudas europeas e que é a administración que menos fondos perdeu

César Mosquera, concelleiro de Infraestruturas Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra recibirá unha achega extraordinaria de 907.235,75 euros do Ministerio de Facenda como recoñecemento á xestión e execución dos fondos europeos vinculados á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI).

Así o anunciou este martes o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, quen presentou esta asignación como unha proba da eficacia municipal fronte ás críticas do Partido Popular sobre a perda de axudas comunitarias.

O anuncio produciuse poucas horas despois de que o portavoz do grupo municipal do PP e candidato á Alcaldía, Rafa Domínguez, acusase o goberno local do BNG de deixar sen executar "moitos millóns de euros" de fondos europeos.

Mosquera rexeitou estas afirmacións e cargou contra o dirixente popular cun ton irónico.

"Que estes días non vai á praia, culpa de Lores. Que estes días atrás fixo demasiado calor, culpa de Lores. Sempre, sempre, sempre é o mesmo. O único que sabe facer é liala e dicir que é culpa de Lores", afirmou.

O edil defendeu que o Concello "non renunciou a ningún fondo" e asegurou que o obxectivo do goberno local foi tramitar todas as convocatorias posibles para aproveitar o maior volume de financiamento europeo. "Outra cousa é que non chegara nalgúns dous casos", puntualizou.

Ademais, sostivo que a realidade da execución dos fondos Next Generation afectou a todas as administracións.

"Todas as administracións perderon fondos. A Xunta debe andar nunha execución do 30%, ou Estado anda nunha execución similar, e o Concello de Pontevedra anda bastante, bastante, bastante máis alto", asegurou.

Como exemplo desa xestión, Mosquera destacou precisamente a concesión desta achega extraordinaria por parte do Ministerio de Facenda. "Tanto é así que, pola xestión dos EDUSI, o ministerio premiou o Concello de Pontevedra con 907.235,75 euros por xestionalos", sinalou.

A cantidade concedida procede dun mecanismo extraordinario habilitado polo Ministerio de Facenda para redistribuír recursos sobrantes dos programas EDUSI.

Os fondos liberados por proxectos non executados ou con baixas noutros municipios españois asígnanse a aquelas cidades que completaron as súas actuacións en prazo, conforme aos requisitos establecidos e mesmo con niveis de execución superiores aos inicialmente previstos.

A EDUSI Máis Modelo Urbano Pontevedra mobilizou un investimento de 12,5 millóns de euros, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), destinada á transformación da coroa periférica da cidade mediante unha vintena de actuacións.

Entre elas figuran a mellora do Camiño do Gorgullón e a creación de novas sendas verdes.

Para Mosquera, este recoñecemento demostra que, aínda que todas as administracións deixen parte dos fondos sen executar, "se todas as administracións perdemos, o Concello de Pontevedra é o que menos perde".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora