Un incendio declarado de madrugada nunha vivenda empregada como almacén na parroquia de Arcos da Condesa, en Caldas de Reis, mantivo mobilizados durante horas aos efectivos de emerxencias.
O lume, que foi controlado polos Bombeiros do Salnés, afectou a unha edificación onde se almacenaban vehículos agrícolas e unha importante cantidade de madeira.
A alerta chegou ao 112 Galicia contra as 6:00 horas a través da Policía Local, que detectou o incendio na casa situada na parroquia caldense.
Inmediatamente, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activou o dispositivo de intervención, mobilizando aos Bombeiros do Salnés, Garda Civil, Policía Local e persoal de Emerxencias de Cuntis, Portas, Caldas e Moraña. A primeiras horas da mañá tamén participaron na extinción bombeiros do parque de Vilagarcía de Arousa.
O persoal do distrito forestal da zona tamén foi informado do suceso, dada a presenza de material combustible no interior da vivenda e a proximidade de masa forestal.
O incendio non causou feridos, segundo confirmaron as fontes de emerxencias. O propietario reside nunha vivenda en fronte do inmoble onde se rexistraba o incendio.
Os bombeiros conseguiron controlar o lume e, a primeiras horas deste mércores, traballan para atallar completamente os restos do incendio que aínda persiste no interior da edificación onde había almacenada diferente maquinaria agrícola, leña e capachos para as uvas.
As causas do incendio non foron determinadas aínda.