Unhas escaleiras intermedias, feitas a metade en formigón e a outra metade en metal. É a solución provisional que o goberno municipal pensou para permitir o acceso dos piragüistas ao Lérez nas inmediacións da ponte do Burgo.
As novas escaleiras desataran as críticas dos deportistas polo seu deseño xa que, máis aló da súa estética, impedían a súa entrada no río en condicións de seguridade.
O proxecto definitivo, segundo explica o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, contempla o pulido dos chanzos de formigón e a substitución das escaleiras de metal por unha plataforma de aluminio que terá unha rampla de baixada ata a auga.
A Oficina Técnica de Arquitectura xa solicitou orzamentos a diferentes empresas de cara a acometer esta última fase de acondicionamento das escaleiras.
Deste xeito, asegurou Fernández, os piragüistas poderán descender "comodamente" ao río, "con independencia da altura que teña o caudal" do Lérez.