Máis de 500.000 euros para pavimentar, ampliar e mellorar a Rúa Liñares

Pontevedra
09 de novembro 2022

Na mañá deste mércores 9 de novembro iniciáronse as obras para mellorar esta rúa situada na parroquia de Lourizán. O alcalde Miguel Anxo Fernández lores e o concelleiro responsable da coordinación do Rural, Alberto Oubiña, visitaban a zona onde está prevista a ampliación da rúa a 6,5 metros de ancho gracas á cesión veciñal de seis parcelas

Miguel Anxo Fernández Lores e Alberto Oubiña percorren a Rúa Liñares, en Lourizán Concello de Pontevedra

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, acompañado por Alberto Oubiña, concelleiro coordinador do Rural, achegábanse este mércores pola parroquia de Lourizán para comprobar o inicio das obras de mellora da Rúa Liñares, un proxecto que inicialmente afectaba a Rial, Rorís e O Meán, pero que se paralizou coa quebra da empresa Nexia e foi necesario volver sacar o contrato a licitación coa inclusión desta vía que une un núcleo urbano con dous puntos da antigüa estrada de Marín.

O alcalde destacou que esta actuación que se eleva ao medio millón de euros permitirá a ampliación do ancho grazas á cesión veciñal de seis parcelas, permitindo que este acceso ofreza un ancho de seis metros e medio. Este proxecto inclúese nun máis amplo de 3 millóns de euros que xa se foi executando en Lérez, A Peralba, Campañó e en Mourente.

A obra na Rúa Liñares contempla a substitución das canalizacións de pluviais, saneamento e abastecemento. Fernández Lores destacou este investimento no rural co obxectivo de que a veciñanza teña os mesmos servizos e condicións de vida que no centro urbano. Alberto Oubiña sinalou que os traballos permanecen pendentes dun cambio de lugar de postes de Telefónica, que a empresa aínda non realizou.

O rexedor lembrou que ao longo deste mandato investíronse máis de 100 millóns de euros no rural pontevedrés coa renovación e instalación de servizos de saneamento, rehabilitación de firmes, nova iluminación LED, equipamentos deportivos e culturais e melloras na rede de abastecemento.