O grupo municipal do BNG de Sanxenxo solicitou ao goberno local do alcalde Telmo Martín a realización inmediata dun estudo técnico para medir a concentración de gas radón no Pazo Emilia Pardo Bazán, situado en Miraflores.
A demanda céntrase especificamente nas aulas e espazos de traballo situados no soto do edificio, onde se desenvolven as actividades da Escola de Música e outros programas formativos.
Segundo os nacionalistas, estas instalacións carecen de fiestras e posibilidades de ventilación natural ao atoparse baixo o nivel do solo.
Esta circunstancia, sumada á natureza granítica do terreo en Sanxenxo, unha zona catalogada de alto risco polo Consello de Seguridade Nuclear, incrementa a posibilidade de acumulación deste gas radioactivo, incoloro e inodoro, que pode resultar prexudicial para a saúde en exposicións prolongadas.
O voceiro da formación nacionalista, Octavio González, sinala que o persoal municipal e os usuarios trasladaron a súa preocupación pola xestión dos sistemas de aire acondicionado.
Malia as reformas levadas a cabo no pazo, os nacionalistas advirten de que a maquinaria de ventilación non se utiliza coa frecuencia necesaria para garantir a renovación do aire nestas salas subterráneas, frecuentadas diariamente por numerosos menores de idade.
Ante esta situación, o BNG esixe a contratación dunha empresa especializada que determine os niveis actuais de radón.
No caso de detectarse valores elevados, a formación nacionalista propón a posta en marcha de protocolos de ventilación automática e programada que aseguren a protección tanto do alumnado como dos traballadores das dependencias municipais.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.