O novo parque urbano en Doce de Novembro será financiado integramente pola Deputación

Pontevedra
23 de outubro 2024

O investimento ascende a 710.972 euros e vai executarse a través dun convenio de colaboración entre a Institución provincial e o Concello de Pontevedra, que se encarga do proxecto urbanístico

Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación, visitou a parcela de Doce de Novembro Mónica Patxot

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou este mércores que a vindeira semana se presentará ante a Xunta de Goberno o convenio de colaboración entre o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial para executar as obras de acondicionamento da parcela situada sobre a vía férrea da Rúa Doce de Novembro, que conecta Joaquín Costa cos Xulgados da Parda.

Durante unhas declaracións in situ, Domínguez detallou que a Deputación financiará o 100% do proxecto, cunha inversión de 710.972,2 euros.

"É un convenio de colaboración entre o Concello de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra para a execución destas obras, que responde a unha das demandas históricas do Concello", afirmou o vicepresidente.

O prazo de execución esténdese ata o 31 de decembro de 2026, coa posibilidade dunha prórroga ata finais de 2027 en caso de xustificación obxectiva.

Domínguez subliñou que mentres a Deputación encárgase do financiamento, o proxecto básico é responsabilidade do Concello de Pontevedra.

Rafa Domínguez na contorna da parcela de Doce de Novembro  Mónica Patxot

O novo espazo, que abranguerá unha superficie de 4.648 metros cadrados, converterase nun parque urbano accesible para todos os cidadáns.

Entre as características destacadas do proxecto, Domínguez mencionaba a eliminación de barreiras arquitectónicas actuais, a integración dunha parede de vexetación na parte posterior, a instalación dunha fonte ornamental e un sistema de iluminación potente pero esteticamente sinxelo.

"Vai haber un muro posterior de vexetación que vai humanizar máis se cabe un espazo que os pontevedreses viamos desaproveitado", engadiu Domínguez, resaltando a importancia desta colaboración institucional.

En marzo deste ano, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciara a saída a licitación desta obra.

O proxecto, que levaba case tres anos en planificación, contempla a ampliación da pasarela de José Adrio cara a Doce de Novembro, incorporando este espazo que agora se atopa rodeado de valos, sen acceso público, e que só foi utilizado nos últimos meses por operarios das empresas de construción da nova residencia da Fundación Amancio Ortega para almacenar material.

Parcela onde se instalará o novo parque urbano de Doce de Novembro Mónica Patxot

Domínguez aclarou que, polo de agora, non está previsto o acceso peonil á zona ata a conclusión dos traballos

O plan orixinal, segundo o anunciado polo alcalde, divide a intervención en tres zonas: unha área verde próxima á calzada, unha zona de estar sobre a cuberta do túnel con pavimento de formigón branco e negro, e unha área verde principal xunto ás fachadas traseiras dos edificios de Santa Teresa de Jesús Jornet.