O alcalde de Cuntis pide "axilidade" á Xunta na posta a disposición de solo industrial

Umia
10 de febreiro 2021

Manuel Campos afirmou que "en Cuntis necesitamos o apoio de todos", tanto da Xunta de Galicia como do goberno de España e neste sentido indicou que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, é un "interlocutor esencial" co goberno que preside Pedro Sánchez

Conchy Campos, Gonzalo Caballero e Manuel Campos PSdeG-PSOE

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, pediu á Xunta de Galicia "axilidade" na posta a disposición de solo industrial "cando existen empresas pedindo terreos para instalarse na vila".

Manuel Campos afirmou que "en Cuntis necesitamos o apoio de todos", tanto da Xunta de Galicia como do goberno de España e neste sentido indicou que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, é un "interlocutor esencial" co goberno que preside Pedro Sánchez. Así llo trasladou este mércores ao líder dos socialistas galegos nunha xuntanza de traballo na que analizaron os proxectos en marcha na vila e tamén as súas demandas.

Ao remate do encontro, ante os medios de comunicación, Gonzalo Caballero puxo en valor "o compromiso cos veciños e coas veciñas de Cuntis" do seu alcalde, tanto no que atinxe ás consecuencias sanitarias, sociais e económicas da pandemia como na aposta polo futuro do concello a través da súa industrialización e a través da modernización das súas infraestruturas.

Por iso, o líder do PSdeG garantiu o seu "apoio" na defensa das cuestións necesarias para Cuntis ante o goberno de España e ante a Xunta. E, tras subliñar que "o executivo que preside Pedro Sánchez traballa xa nesa liña", propuxo ao goberno galego que tamén "se comprometa".

"Queremos propoñer a Feijóo que apoie aos alcaldes tamén para promover o emprego a través do desenvolvemento industrial", reivindicou Gonzalo Caballero, quen sinalou que "logo de tantos anos de ausencia de política industrial por parte da Xunta, cómpre que asuma as súas competencias e coopere cos concellos, especialmente cos concellos pequenos" para apoiar á súa economía.