O barrio do Piñeiriño acolle a homenaxe póstuma ao concelleiro Antonio Carballo

O Salnés
20 de xuño 2013

O Concello de Vilagarcía organiza o acto que consistirá nun concerto da Banda de Música a véspera de San Xoán

O Piñeiriño, barrio no que residía Antonio Carballo Briones, o concelleiro do Partido Popular falecido o pasado 10 de marzo, é o lugar elixido para acoller a homenaxe que lle ofrece o Concello de Vilagarcía.

Este recoñecemento póstumo ten unha triple significación. Primeiro por celebrarse no seu barrio; segundo pola data elixida, a véspera de San Xoán, unha das festividades das que máis gozaba o edil; e terceiro porque o acto consistirá nun concerto da Banda de Música de Vilagarcía, outra das grandes afeccións de "Tucho".

A homenaxe celebrarase o domingo, 23 de xuño, no parque do Piñeiriño. Aparte de todos os veciños, están invitados todos os membros da actual Corporación Municipal e outras autoridades. O concerto da banda de Música comezará ás 20:00 horas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora