O BNG leva ao Parlamento os problemas do centro de saúde de Moraña

Umia
23 de decembro 2020

Os concelleiros nacionalistas trasladaron aos deputados Pontón e Bará as deficiencias no servizo de Atención Primaria e comunicaron a consecución de 600 firmas para esixir a recuperación da atención presencial

Concelleiros do BNG de Moraña reúnense cos deputados Ana Pontón e Luis Bará polos problemas do centro de saúde BNG de Moraña

O BNG de Moraña leva ao Parlamento de Galicia os problemas asistenciais do centro de saúde do municipio. Nun encontro dos  concelleiros nacionalistas coa portavoz do grupo parlamentario, Ana Pontón; e o disputado pontevedrés, Luís Bará; trasladáronlles as graves deficiencias que padecen no servizo de atención primaria.

No último mes recolléronse xa máis de 600 firmas para esixir ao Sergas a recuperación da atención presencial. Na lista de problemas enumerados polo portavoz local, Marcos Suárez, figuran "a amortización dun posto de traballo de celador, a ausencia dun profesional de pediatría durante máis de 70 días e o continuo empeoramento do servizo que produce que o Sergas non cubra nunca as vacacións e os permisos ou baixas do persoal sanitario do centro, o que provoca un colapso na atención". Ademais, denuncian que a atención telefónica está a xerar trastornos tanto a pacientes como aos profesionais.

Neste sentido, Pontón insistiu en que "a pandemia puxo de relevo que precisamos un sistema sanitario público forte, cunha Atención Primaria reforzada como porta de entrada, sen recortes, que permita responder ás necesidades de saúde da poboación e na que o persoal sanitario conte con recursos para que as persoas doentes poidan recibir a atención que precisan". Ademais, Bará comprométese a levar o tema ao pleno no mes de xaneiro.