O BNG pide ao Concello de Marín que "recapacite" e cambie de localización a piscina proxectada no Paseo Alcalde Blanco

Marín
28 de xaneiro 2023

"O último que precisa Marín é un proxecto que esnaquice o escaso patrimonio etnográfico e cultural que aínda conservamos", asegura a portavoz nacionalista Lucía Santos, que propón unha nova localización

Zona na que se proxectan piscinas de auga salgada, no Paseo Alcalde Blanco Concello de Marín

O proxecto de construción dunhas piscinas de auga salgada no Paseo Alcalde Blanco de Marín foi motivo de crítica por parte do BNG local.

A agrupación nacionalista pide ao goberno local que cambie a localización do proxecto, que ten previsto ocupar a zona inicial do paseo ao conlevar "a desaparición do único espazo mariñeiro que a nosa vila aínda conserva, o cemiterio de barcos do vello peirao".

"O goberno municipal debería apostar por protexer e conservar este espazo, xa que forma parte da memoria do noso pobo. O último que precisa Marín é un proxecto que destroce o escaso patrimonio etnográfico e cultural que aínda conservamos", asegura Lucía Santos, portavoz do BNG de Marín.

Ante esta situación Santos propón un novo emprazamento para o proxecto, enmarcado dentro do Plan de Sustentabilidade Turística e financiado cos fondos europeos Next Generation. Este novo lugar sería o tramo do Paseo Alcalde Blanco entre a zona de atracada dos barcos de pasaxeiros da ria e o miradoiro do final do paseo.

Asegura o BNG que este espazo podería delimitarse con plataformas flotantes mariñas para formar unha dársena de auga, habilitando ademais unha zona de baño próxima aos xogos de auga existentes.