O Espazo Emprendedor de AJE Pontevedra, un "exemplo" para o conselleiro de Economía

Pontevedra
06 de maio 2013

Francisco Conde visitou o Espazo Emprendedor resaltando a importancia dunha iniciativa que recompilará as capacidades e niveis de ocupación de cada viveiro e un semilleiro de ideas que facilitan aos emprendedores recibir formación e desenvolver proxectos que benefician á economía galega

O Espazo Emprendedor que ten a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Pontevedra na rúa Ferreiros é un "exemplo" a seguir para o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que este luns elixiu este enclave para realizar a súa primeira visita institucional á cidade.

Conde resaltou a importancia destes lugares para facilitar ao emprendedor a contorna necesaria para crear e consolidar proxectos empresariais e destacou o labor que está a desempeñar o espazo de AJE Pontevedra, que ten ocupados actualmente os seus 12 despachos para emprendedores, "desenvolvendo proxectos que benefician aos distintos sectores da economía galega".

O conselleiro sinalou que o espazo conta cun semilleiro no que os mozos galegos que acceden reciben a formación necesaria para madurar as súas ideas e os plans de negocio e valorou que a través de lugares como este "impúlsase o empeño da mocidade galega por converter en valor engadido o seu talento, facilitándose a colaboración entre Xunta e institucións para crear emprego e dinamizar a economía".

Durante a súa visita, Conde subliñou que, tras a rolda de contactos mantida cos distintos axentes económicos e sociais, a nova Lei do Emprendemento de Galcia incorporará distintas novidades ao texto final, entre as que resaltou un censo de calidade que ofrecerá o estado actual dos viveiros empresarias galegos, con información actualizada sobre as súas capacidades e niveis de ocupación.

Engadiu que, a través do Igape, levarase a cabo unha recompilación de toda a información existente sobre estes viveiros. Configúrase así un completo rexistro que contará con todos os datos destes espazos, actualizados polo propio viveiro no momento no que se produzan novidades. Deste xeito "calquera emprendedor galego poderá coñecer, en tempo real, o viveiro axeitado no que iniciar o seu proxecto".

A Lei do Emprendemento activará os mecanismos financeiros necesarios para incentivar proxectos, mobilizando 15 millóns de euros a través dun fondo de capital risco e dunha liña de microcréditos con capital público e privado. Ademais, incorporará novas vantaxes fiscais de impulso da actividade emprendedora e creará a Unidade Galicia Emprende.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora