Os esqueletos toman os xardíns das Prazas de España e Ourense

Pontevedra
29 de outubro 2021

Estes decorados do Samaín forman parte do programa Xardíns que Falan impulsado pola concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural

Decoración dos xardíns da Praza de España para o Samaín do programa Xardíns que Falan Mónica Patxot

Os xardíns das prazas de España e Ourense, en Pontevedra, acollen desde esta mañá de venres uns hóspedes tan divertidos como arrepiantes: un grupo de esqueletos sentados á mesa e outro traballando a terra cun enorme arado. Estes visitantes de ultratumba forman parte dunha intervención realizada no marco do proxecto Xardíns que Falan, impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, co gallo da celebración do Samaín.

Cabazas de todos os tamaños e cores, velas, fardos de palla e teas de araña completan este sensacional decorado que, como os anteriores instalados en datas sinaladas dentro desta iniciativa, xa está a atraer a numerosos curiosos que se achegan para sacar unha instantánea. O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, convida a todos os pontevedreses "a celebrar esta ponte do Samaín, a fotografarse con ou sen os seus disfraces e a etiquetarse co hashtag #SamaínPontevedra2021 #XardínsqueFalanSamaín".

Tal e como lembra o edil socialista, "o proxecto Xardíns que Falan pretende converter as zonas axardinadas e parques da rede Verde Urbano en espazos dinámicos, que conversen e interactúen coa cidadanía, xa sexa cun carácter reivindicativo, como as que se fixeron para visibilizar a violencia de xénero e a loita polos dereitos do colectivo LGBT, ou cun carácter máis lúdico, como no caso deste decorado realizado polo Samaín".