Os nenos do Froebel, con Greenpeace: "Se os polos se derreten, nós tamén"

Pontevedra
01 de marzo 2019

Os cativos do colexio público Froebel decidiron celebrar o Entroido facendo un chamamento público á acción en favor da detención do cambio climático

Nenos do Froebel en asociación con Greenpeace contra o cambio climático Victoria Regueira

O colexio Froebel aposta por unha celebración do Entroido reivindicativa en favor da detención da contaminación e o cambio climático, participando como voluntarios de Greenpeace. Esta acción forma parte do proxecto "Consumo Saudable" que o CEIP está a poñer en marcha e que engloba, entre outros temas, a educación ambiental.

Por un futuro amable e sostible, os cativos máis pequenos, dende infantil a segundo de primaria, saíron á rúa acompañados dalgún profesorado, realizando un percorrido dende a Rúa Martitegui ata a Praza da Ferrería, pasando por Michelena.

En orde de idade, pasearon pola rúa disfrazados de oso polar, buzos ou limpadores de chapapote, representando todos eles elementos relacionados coa preocupación pola destrución do planeta. Fixeron o percorrido cantando consignas como "Papel ao mar, é contaminar" ou "Non nos mires, ¡únete!", e paseando pancartas de cores feitas por eles mesmos. Á cabeza da marea de nenos, un barco feito a man coa imaxe corporativa da ONG ambientalista.

Ao chegar á praza da Ferrería, realizaron un corro e comezaron a versionar o clásico "Ondiñas veñen", cunha letra propia que denunciaba a situación na que se encontra o planeta como fin dun pequeno acto co que as novas xeracións pretenden dirixir a atención das vellas cara unha problemática universal.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora